Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Boqueixón abriu as portas da súa renovada piscina municipal


As obras de reparación destas instalacións deportivas supuxeron unha inversión de 40.000 euros

O Concello de Boqueixón abriu as renovadas instalacións das piscinas municipais externas. As obras supuxeron unha inversión de 40.000 euros procedentes de fondos propios. “Esta actuación resultaba moi necesaria, dado que as instalacións reflexaban certas deficiencias. Agora contamos cunha piscina municipal renovada e apta para dar un servizo axeitado ás necesidades da veciñanza”, indica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.

As obras, acometidas por Hermanos Couto Fandiño, supuxeron a total reposición do recubrimento do vaso da piscina grande. Ademais, renovouse o pavimentado de toda a zona de solarium colocando novas plaquetas antideslizantes, xa que as existentes se atopaban deterioradas, e que cumpren coa normativa vixente. Completouse a actuación coa poda e arranxo das tullas que fan o peche destas instalacións deportivas.

Este complexo deportivo consta de dúas piscinas, unha delas dirixida á poboación máis nova e outra para maiores. As instalacións permanecerán abertas durante todo o verán en horario de 15.00 a 21.00 horas. En caso de condicións meteorolóxicas adversas, as piscinas permanecerán pechadas.

A maiores, as instalacións acollerán durante as mañás diversas actividades. Entre elas atópanse, as do programa de conciliación Verán Activo e os crusos de natación dirixidos á cativada.

Compra de abonos

Os prezos para os abonos de 20 entradas son de 6 euros (para nenos e nenas de ata 16 anos) e de 12 euros para as persoas maiores desta idade. O Concello de Boqueixón conta, ademais, con diferentes opcións de abonos familiares. A adquisición dos devantidos abonos deberase realizar no propio recinto das piscinas municipais.